7. Dereita Galeguista
7.1. Antecedentes e xénese de Dereita Galeguista
Podemos situar a causa remota da decisión do
sector conservador do P.G. en Pontevedra de afastarse do partido, na
resolución da lll Asamblea do P.G., celebrada en xaneiro de 1934,
consistente en entablar negociacións coas forzas esquerdistas de cara a
unha alianza. Non cabe dúbida que a decantación do P.G. cara a
esquerda comprometeu gravemente o integracionismo, deica entón conquerido principalmente a base de non bascular a prol de ningún dos
dous polos da esfera política, ós que mesmo se lles negaba pertinencia
en Galicia.
A ubicación do P.G. no territorio da esquerda
resultaba ingrata para a súa ala conservadora tanto dende o punto de
vista político como relixioso. A acendrada relixiosidade deste sector
provoca neles un conflicto de conciencia ó verse aliados políticamente
coa esqueda anticlerical. Así o recoñece Xerardo Alvarez Limeses cando
comunica a Bóveda (1) o seu arredamento do P.G., xunto con Filgueira,
X.M. Alvarez Gallego e os Caramés, todos eles de Pontevedra, porque:
«non podemos ver con bos ollos a entrega do galeguismo os enemigos da
Relixión» (2). Non é casual que a escisión xurdira precisamente na
cidade do Teucro, onde existía bastante implantación comunista, o cal
facía que os galeguistas de dereitas vivisen as tensións na práctica.
Así, o 14 de abril de 1935 celebrouse un mitin unitario en Pontevedra,
no que o representante do P.C. non foi precisamente deferente co P.G.,
tentando ademais de capitaliza-lo acto, segundo o testimuño de X.
Alvarez Limeses (3). A saída formouse unha manifestación que, o dicir
do antecitado galeguista: «foi case que comunista, pois os vivas que se
daban eran: "Viva Ia Revolución social, Viva Rusia, Vivan los
héroes de Asturias"». Polo demais, Alexandre Bóveda ten
declarado que a verdadeira razón que inducira a Filgueira a escindirse
non era outra que a sua creencia de que os tempos demandaban unha
política de afirmación das esencias cristianas, e mesmo de adhesión a
Roma. Puña en relación a tentativa partidaria de Filgueira Valverde con
outras que en Italia (cecais pensaba no «Partido Populari») e en
Europa en xeral inspiraba o Vaticano (4).
En Ourense o proceso madurece máis lentamente,
e de feito tardan algún tempo máis que os seus correlixionarios
pontevedreses en escindírense. Pero lento e todo o proceso dase, e os síntomas
existen. Otero Pedrayo, que permanecerá fidel ó partido, expresa
transparentemente o desacougo dos conservadores ourensáns, nunha amplia
serie de artigos, publicados algúns deles en «A.N.T.», nos que
critica a orientación do P.G. e batalla con ardentía pola volta a
anterior situación de isolamento. Foi él quen na IV Asamblea do P.G.,
acontecida en Santiago no mes de abril de 1935, propugnou, no nome dun
pequeno sector do Grupo ourensán, que o P.G. se declarase incompatible
co marxismo, contrario á incorporción do laicismo á Galicia futura e
non adherido á doctrina da intanxibilidade da Constitución, por non
acepta-la neutralidade relixiosa do Estado (5). A actitude esquerdista da
meirande parte dos políticos galeguistas, sume a Vicente Risco dende
moi cedo nunha crise que o leva a teoriza-lo desapego dunha realidade
que lle resulta ingrata (6). Coida ademais trocando de maneira de pensar
que non era comenente arredarse da cuestión relixiosa e social que
tanto interesaba á xente, so pena de que o pobo se desinteresase dos
galeguistas. A división do partido que elo comportaría resultaba para
el ata certo punto inevitable, dado o malestar dos conservadores pola
proclividade esquerdista da maioría do P.G. Estaba tamén a cuestión do
auxe das forzas dereitistas que facía aconsellable crear un partido
galeguista de similar orientación para tentar de atreguelas ó
galeguismo (7). Polo demais, a sua influencia no Consello do P.G. era nula
a estas alturas, o que o levou a presenta-la baixa no partido en máis
dunha ocasión, pero a retirou sempre. Os vencellos de irmandade e a
esperanza dun novo troque da orientación política o animaron a
permanecer nel, mesmo cardo se esgazaron os pontevedreses (8). O principal
portavoz das discrepancias dos galeguistas ourensáns era o «Heraldo de Galicia». Así, por exemplo, nun número de
febreiro de 1935 (9), como o P.G., criticaba a política do Goberno de
dereitas verbo de Galicia, por parercerlle censurable fundamentalmente
na sua vertente económica, pero, a diferencia de aquel, desmárcase
tamén dos partidos da oposición que clamaban descontra da
desvirtuación das esencias da República do 14 de abril, dicindo que a
restauración desas esencias non remediaría as necesidades vitais dos
galegos: «pues tampoco se remedió aquí nada mientras tales
esencias rigieron». Tamén dende a revista «Alento» fan
públicas as suas ideas que estaban rifadas coa ortodoxia do P.G.
Na cidade de Santiago buligaban, asimesmo,
certos signos de descontento, en homes como Manoel Beiras ou Banet,
pero tardarán ainda en coallar politicamente.
7.2. Creación da Dereita Galeguista de Pontevedra
O movemento de segregación de ala dereitista
do P.G. parte de Pontevedra (10)
onde acada completo éxito, conquerindo
arrastrar a tódolos elementos significativos desta tendencia
(Filgueira, García Vidal, Alvarez Limeses, etc.). Ainda que xa antes
algúns foron comunicando a sua baixa (11)
non é senon en maio de 1935,
concretamente o día 25, que sae a luz o manifesto de «Dereita
Galeguista de Pontevedra» firmado por Martínez Tiscar, Sexto López, García Vidal, Lino Sánchez, Darío Caramés e Filgueira
Valverde (12). Na proclama pontevedresa propugnábase a creación dun
partido galeguista de dereita e expúñase un índice do ideario que lle
debía servir de base, pero esta proposta tardará ainda algúns meses
en ser acollida. A nova da escisión foi ampliamente comentada polos
conservadores ourensáns no seu órgano de expresión «Heraldo de
Galicia». Mais as opinións estaban divididas entre os partidarios
da escisión e os contrarios a ela. Dende logo todos coincidían coa ideoloxía
exposta no manifesto pontevedrés, pero uns non eran en
absoluto partidarios do esgazamento, e os outros ainda non estaban
totalmente convencidos de que fora chegada a hora. Consideremos que
estamos en xuño de 1935, momento no que o P.G. se comporta como un
partido republicano de esquerda, pero ainda non se coaligara coas forzas
marxistas no Frente Popular. Subsisten, pois, as esperanzas de que o
P.G. modificase a sua orientación. Por todo elo a reacción do «Heraldo de Galicia» é ambígua e mesmo contradictoria. Así,
no editorial (13) pronúncianse totalmente a favor da creación dun partido
galeguista de dereitas e da concreta doctrina exhibida por «D.G. de
P.». Pero logo reproducen en páxinas interiores (14)
o manifesto
completo de «D.G. de P.», puntualizando cautamente que o
consideran de interés «aunque no compartamos todos sus
postulados». De tódolos xeitos, interesa sinalar a efectos
prácticos, que polo de agora non se suman ó movimento escisionista.
Limítanse a permanecer atentos ós acontecementos e a manter certos
contactos cos conservadores pontevedreses. Resulta a este respecto
ilustrativo que Filgueira Valverde seña invitado polo Grupo Galeguista
de Ourense, para pronunciar unha conferencia en nadal de 1935 (15).
En Santiago tampouco tivo un eco inmediato o
chamamento de «D.G. de P.».
A reacción do P.G. ante esta crise que estala
nas suas ringleiras é asaz ponderada e, asimesmo, asombroso exemplo de
tolerancia política. Polo de pronto reproduce íntegro en «A.N.T.» o
manifesto de D.G. de P.» (16), e no comentario
que lle fan móstranse dacordo cos seus postulados a excepción do que
se refire a postura confesional do galeguismo, no que o P.G. optou
sempre por unha escrupulosa neutralidade. Saúdan ó novo agrupamento
con «agarimo fondo», e deséxanlle sorte na sua angueira de
atraguer ó galeguismo á opinión conservadora, de xeito que en troques
de ficar desartellada a unidade do galeguismo se afortalase con novas
aportacións. Noustante, o P.G. dubida que o conquerisen fundándose en
que o galeguismo antes e despois de se artellar en partido político, e
con anterioridade a ter adoptado a directriz que daquela tiña: «foi
sempre ouxeto de ataque freneticamente cerril e incomprensivo, cando non
de bulra», por parte de campo ideolóxico e político onde anceiaba
implarse «D.G. de P.».
Polo demais, segue a dicir que tampouco os
comentarios da prensa de dereitas permitían vaticinar outra cousa.
Contrariamente a elo o manifesto dos galeguistas pontevedreses deu pé a
que xentes como Isidoro Millán atacaran duramente ó P.G., calificandoo
de marxista, separatista e ateo (17).
Esta postura oficial do P.G. soamente foi
contraria en conversas ou cartas privadas, ou ben en público por
parte dalgún galeguista aillado. Especialmente Filgueira Valverde foi
obxeto de acedos comentarios, de parte de Víctor Casas en carta a
Bóveda (18), e de severas reconvencións do propio Alexandre Bóveda
nunha extensa misiva que lle remite ó persoeiro do galeguismo
conservador (19). Castelao é quen dende Badaxoz envia un artigo a
A.N.T. (20) censurando rexamente ós firmantes do manifesto de «D. G. de
P.» por lazaren a unidade dos «bos e xenerosos» xusto no
momento en que maior debía ser a sua compenetración, dadas as
favorables expectativas autonómicas existentes. Castelao manifesta,
ademais, a súa oposición a calquera entendemento político con eles,
cuestionando a «forteza dos seus sentimentos patrióticos».
Polo demais, as críticas a Filgueira feitas por algúns galeguistas
dende as páxinas de «Ser» e «El Pueblo Gallego» son rápidamente acaladas por Bóveda que víase condicionado polo seu
parentesco con algúns dos escindidos (21) dicindo en A.N.T.
(22) que no se lle
había de criticar por máis que cometera o erro de se escindir e
andivese daquela «na compaña de instigadores de dudoso
galeguismo». O voceiro oficial do P.G. publica tamén unha
apostilla suscribendo a postura de Alexandre Bóveda (23). Para este
dirixente do P.G., como tamén para Castelao (24), a escisión fora
prematura, por considerar que ata que non fosen dabondo fortes os
galeguistas como para asegura-lo triunfo da sua causa deberan permanecer
unidos mantendo o convenio de neutralidade nos puntos de litixio (25).
A unión era especialmente necesaria naqueles
intres nos que se aveciñaba a batalla do Estatuto, polo que o
esgazamento era marcadamente inoportuno. Conquerida a autonomía,
Castelao non vería mal que o galeguismo se dividise en duas alas.
7.3. Ideoloxía e programa do galeguismo de dereitas
Para analizar o perfil ideolóxico e mailos
obxectivos programáticos do galeguismo de signo conservador, que
escomenza a súa andadura política con independencia dos seus correlixionarios galeguistas
de distinta significación, aterémonos no esencial a dous documentos
programáticos básicos: o programa de «Dereita Galeguista de Pontevedra» (26) e as chamadas «Bases pra o programa da
federación das forzas nacionalistas e galeguistas de dereita» (27),
posteriores ó anterior programa, e, ós efectos, complementarias del.
O galeguismo de dereitas nace, segundo propia
confesión, co afán de
evita-lo desfase entre Galicia e outros pobos hispánicos no que fai a
actitude dos partidos políticos de dereitas verbo da autonomía.
Tratábase, pois, de actuar no campo da dereita para trocar a sua
hostilidade contra a autonomía, nunha postura de franco apoio (28). Deste
xeito, este sector do galeguismo acepta con encomiable sinceridade
política a etiqueta de dereitista.
A meirande parte dos seus obxectivos
programáticos coinciden cos do P.G., dos que son unha versión
sincopada. Como queira que o programa do P.G. xa foi obxeto de
exhaustivo exáme noutro apartado, evitaremos tediosas repeticións,
limitándonos, agora, ós aspectos novedosos do programa do galeguismo
de dereitas.
A dereita galeguista xorde cunha imaxe de maior
moderación na sua posición nacionalista, que de todas formas conserva
como tal. Definen a Galicia como nación, pero no programa da «D.G.
de P» autoconsidéranse «galeguistas» (o que implicaba
menor radicalidade que «nacionalistas») e nas «Bases» significativamente
confluen, na sua aceptación,
unhas forzas «nacionalistas» e outras simplemente «galeguistas». Non
reclaman a autodeterminación
conformándose coa autonomía, facendo constar timidamente: «que non temos esta fórmula como definitiva»
(29). Pola contra, rexeitan
expresamente a solución arredista.
Hai un matiz diferencial entre o programa da «D.G. de P.» e as
«Bases» (os criterios das
cales prevalecen ó seren aceptados polos galeguistas pontevedreses). O
primeiro ofrece unha fasquía liberaldemocrática (30), en tanto que o
segundo é un híbrido entre o demoliberalismo e un sistema de
democracia orgánica típica do totalitarismo de corte máis ou menos
feixista. Así, propugnar que no Parlamento galego:
«compre evitar que a sua composición sexa excrusivamente
de representantes do voto popular inorgánico, senon que mil
deben ter unha participación, as corporacións que representan
intereses económicos e esprituaes, pra evitar que Galiza sexa
gobernada ao seu xeito polos partidos e fraccións
políticas» (31). |
Coidamos que este sesgo organicista provén do
núcleo ourensán e máis concretamente de Vicente Risco. Por outra
banda, decláranse republicanos, pero na súa práctica amósanse
escasamente afectos á República, por identificala coas esquerdas,
segundo lles achaca o P.G. (32).
No que máis fincapé se fai é na cuestión
relixiosa. Ata o punto de que a práctica totalidade dos problemas son
enfocados e valorados a lús do prisma relixioso. Deste xeito, un dos
motivos invocados para repudia-lo marxismo consiste en que esta
doctrina sostiña unha interpretación materialista da historia, en
tanto que os galeguistas de dereitas afirmaban a preponderancia dos
factores morais no proceso histórico. Tamén rexeitan ó feixismo por
consideralo incompatible con «A concepción cristián do home, o
respeto a súa persoalidade moral e o cumprimento dos fins
individuaes» (33). Ademais, queren que os productores organizados
cooperativamente teñan un concepto da actividade económica subordinado
ó senso moral dos fins humanos. A sua posición é de confesionalismo a
ultranza. Consideran a «Relixión Católica» consustancial a
tradicional enxebreza de Galicia. Declarara que unha auténtica cultura
galega debe estar decote inspirada na concepción católica do mundo e
da vida humana, «e no sistema de valores éticos, estéticos e
centíficos que o catolicismo representa». Postulan que o Estado ten de ser confesional, e como tal debe apoiar á Igrexa, subvencionar
ó clero e lexislar de conformidade co espírito cristián. A todo isto
hai que engadir que, no apartado adicado ós obreiros, limítanse única
e exclusivamente a defende-los puntos das Encíclicas que conteñen a
doctrina social dos Papas.
Distingue, tamén, ó programa do galeguismo de dereitas
un acusado
conservadurismo, patente nos obxectivos que lle asignan á autonomía,
que son, entre outros, o mantenimento da paz social e a axuda mútua.
Evidénciase isto mesmo na sua vontade de defensa da pequena propiedade,
do réxime familiar, e «a justa regulación dos arrendos,
aparcerías e demais contratos de cultivo», co que no piden a
redención dos foros, nin dos arrendamentos rústicos, nin suscreben
tampouco o principio de que a terra debe ser de quen a traballa. O
conservadurismo completa o seu perfíl cunha fasquía tradicionalista (34), perceptible na sua concepción da sociedade, para a que piden o:
«Mantenimento do régime familiar tradicional en Galiza. A familia debe ser considerada como unha sociedade natural, baixo a
precisa dirección dos ascendentes: pai e nai». Xa que logo, postulan a protección da explotación familiar do chan e a
sustantividade xurídica da «Compañía familiar galega».
Dada a primacía que xogaba o factor relixioso
na ideoloxía da dereita galeguista, non nos resistimos á tentación
de comparala coa do P.N.V. En efecto, do mesmo xeito que para Sabino Arana a política é unha arma ó
servicio dos seus plantexamentos
relixiosos, como Javier Corcuera teu demostrado (35), tamén para os
galeguistas confesionais a relixión non é algo instrumental, do que
valerse como bandeira política, senon mais bera a cuestión nodal que
condiciona os seus plantexamentos políticos. Polo demais, segundo as
revelacións de Bóveda xa apuntadas, tamén, como Sabino Arana, os
galeguistas conservadores parecen estar perfectamente dispostos a
someterense ós principios relixiosos e morais emanados da Igrexa
católica-apostólica-romana e, asimesmo, a consagra-lo cerne
tradicional da nación a que perteñecen. As diferencias non cremos que
vaiar máis alá da inexistencia dun plantexamento racista no caso dos
galeguistas desta arnaxe, e do seu menor rexeitamento do liberalismo (36).
7.4 A froitificación da semente. A percura da unidade
Cando o P.G.
suscrebe o pacto do Frente Popular reactívanse novamente as inquedanzas
escisionistas de moitos dos galeguistas de dereitas que ainda
permanecían dentro do partido. Esvaídas as posibilidades de que o P.G.
tomase outro rumbo, a crise desátase outra vegada, seguindo unha
tónica xeográfica semellante a anterior de abril de 1935. Como
daquela, tamén agora é nas cidades de urdime social máis tradicional,
onde se rexistra o movemento secesionista. Deste xeito, moitos dos
galeguistas de dereitas de Ourense e Santiago pasan a engrosa-las filas
dos que xa marcharan en Pontevedra. Pero a sua tardanza en arredarse
impide que os galeguistas conservadores logren presentar unha
candidatura nas eleccións xerais de febreiro de 1936. Ata días antes
de celebrárense estas non se constitúe a «Dereita Galeguista de
Ourense» (37), o manifesto da cal sae a luz o día 10 do mes
electoral, firmado por Risco, Fernández Borrajo, José A. Varela,
Isidoro Guede, José Luis Parente, José Goyanes, Argel Martínez Doval
e José Perille Garra.
Un pouco despois recollen a chamada dos galeguistas pontevedreses os
seus correlixionarios de Santiago, nunha proclama impregnada de
preocupación pola cuestión relixiosa (38). Firman o manifesto dado a
prensa o 1° de abril de 1936: Manuel Banet Fontenla, Xosé Mosquera
Pérez, Daniel Louzao, Carlos Seijas Subirá, Manuel Jiménez Puente e
Manuel Beiras García. Semella que en Santiago, máis que dunha
escisión, tratouse mais ben dun desdoblamento mutuamente acordado por
tacticismo. Considerando que o movemento escisionista quedara convertido
nun feito consumado coa marcha dos ourensáns, e non póidendo o P.G.
constreñir este proceso á localidade pontevedresa de xeito que non fose
máis que un pequeno problema local, semella que o P.G. aceptou que os
seus membros dereitistas que o quixesen así, pasaran a engrosa-las
precarias liñas de «Dereita Galeguista», de modo que esta
tivese máis posibilidades de atraguer á opinión conservadora ó eido
do galeguismo (39).
A «D.G. de P.» elixe para formar
parte da sua Xunta directiva (40)
a: García Vidal, José Sexto, Lino
Sánchez, Taboada Tabanera, Darío Caramés e Josefina Iglesias
Vilarelle. Resalta a ausencia de Filgueira Valverde no núcleo
dirixente. Tampouco Risco forma parte destacada da directiva ourensán,
ostentando a presidencia o abogado Dacal (41).
Se non a «potestas», Risco segue detentando a
«autoritas».
En efecto, Risco, sumido nunha crise, perde a estas alturas todo
interés por seguir sendo un líder político. Así o confesa él mesmo
en carta a Del Riego:
«Na Dereita Galeguista serei todo o visíbile que queiras,
menos cabeza. Eu xa non volvo a ser cabeza de nada na miña vida.
Gastéi vinte anos, os millores do meu vivir, no choio, dín
canto podía dar [...]. De que quedei exprimido o escurrichado, outros se encargaron de
torcer o vieiro por onde lles paresceu, e eu fun abandonado ainda por
aqueles que pensaban coma mín. (42) |
Demostra que seguía
conservando o seu ascendente o feito de que seña él quen preside a
reunión dos distintos grupos de dereita galeguistas, celebrada en
Ourense o 19 de abril de 1936, co obxectivo de crear un partido único
en base á federación de tódolos grupos nacionalistas e galeguistas de
dereitas. Polo demáis, tamén foi Risco o encargado de ler as «Bases pra o programa da federación das forzas nacionalistas e
galeguistas de dereita», que anteriormente comentamos, e que
resultaron aprobadas (43). Queda así creada unha única «Dereita
Galeguista», presidida polo abogado ourensán José Fernández Borrajo (44). Este, xunto con outros dous membros do grupo ourensán,
formaban o Consello Executivo, asistido por catro representantes dos
restantes grupos constituídos. Así pois, Ourense pasaba a se-lo
epicentro do galeguismo conservador, encargándose os galeguistas desta
cidade da dirección política e dos traballos de organización (45).
Acordaron tamén que o semanario «Heraldo de Galicia», que se
imprentaba en Ourense, se convertira no órgano oficio
so do partido (46).
Conquerida a unidade organizativa, D.G. leva a
cabo una laboura de espallamento tentando crear novos grupos e
difundi-los ideais do partido. Lograron poñerse en relación cun certo
número de persoas da província de Ourense (47), a fora dela en Arbo
(48),
segundo a información de que dispoñemos. Pero o tempo xogaba en contra
dela xa que só tres meses despois prodúcese o levantamento militar.
Para máis, a campaña de plebiscitación do Estatuto, na que D.G., como
veremos, interven activamente, a obriga a distraer forzas, mermando,
así, as suas posibilidades de implantación. Debemos sinalar, ademais,
outro motivo que coadxuda a que D.G. non pase de ser unha tentativa
fallida no que fai ó seu declarado propósito de atraguer ás suas
ringleiras, ou cando menos ó campo do galeguismo, ás forzas de
dereitas: non tódolos elementos que integraban a ala conservadora do
P.G. participaron na andaina de D.G. En efecto persoeiros tan
significados como Otero Pedrayo (49), López Cuevillas, Ramón Villar Ponte
(50) e algúns outros (51)
prefiren continuar no P.G. (abandonando a Risco,
según él mesmo se queixaba) loitando para que éste abandonase o
Frente Popular. Ademais, hai tamén quen, como Alvaro Cunqueiro de nidio
pensamento conservador, considera que tódolos galeguistas debían
seguir unidos nun mesmo frente, sen deixar que os dividiran etiquetas de
esquerdismo e dereitismo (52). Así pois, era prácticamente imposible que
en tan pouco tempo e con tanta desunión e confusión, a «Dereita
Galeguista» conquerise dar cabo ó tradicional desapego da burguesía, de Igrexa e da opinión católica e de dereitas en xeral,
verbo do galeguismo, que, con moi poucas e senlleiras excepcións, sentía, tal e como apuntan Francisco Carballo e Alfonso
Magariños (53).
7.5. Socioloxía da Dereita Galeguista
Veleiquí a profesión da meirande parte dos
membros de D.G. (54):
Alvarez Gallego, X. Mª.
Alvarez Limeses, Xosé
Banet Fontenla, M.
Beiras García, M.
Caramés Ruza, Darío
Caramés Ruza, M.
Dacal
Fdez. Borrajo, Xosé
Filgueira Valverde, X.
García Vidal, Xosé
Guede, Isidro
Goyanes, Xosé
Iglesias Vilarelle, X.
Lino Sánchez, X.
Louzao, Daniel
Martínez Doval, A.
Martínez Tiscar, X.
Mosquera Pérez, X.
Parente, Xosé Luis
Perille Garra, X.
De Ia Riba Barba
Risco, Vicente
Seijas Subira, C.
Sexto, X.
Taboada Tobanera, P. |
Pontevedra
Pontevedra
Santiago
Santiago
Pontevedra
Pontevedra
Ourense
Ourense
Pontevedra
Pontevedra
Ourense
Ourense
Pontevedra
Pontevedra
Santiago
Ourense
Pontevedra
Santiago
Ourense
Ourense
Santiago
Ourense
Santiago
Pontevedra
Pontevedra |
Mestre
Periodista e funcionario
Notario
Comerciante
Inspector esc.
Comerciante
Abogado
Abogado
Catedratico Inst.
Abogado e func.
Periodista
Abogado
Mestre e escritora
Abogado
Empregado
Director e
propiet. colexio
Empregado
Empregado
Lic. farmacia, Fun.
telégrafos
Comerciante
Comerciante acaudalado
Catedrat. Normal
Estudiante
Funcionario
Estudiante |
Dos 25 membros de D.G. dos que coñecemos a
profesión, os máis son titulados universitarios, predominando os
abogados. Sobrancean, ademais, os comerciantes e mailos profesores.
Debemos concluir, xa que logo, que este partido obxeto de análise, viña
sendo socialmente unha parte da élite do P.G., dado o claro predomino
do nivel social medio-alto. Ollamos, pois, que hai unha coincidendia
entre o status profesional alto e as ideas conservadoras. Resulta
igoalmente significativo que todos eles vivisen nas cidades menos
avanzadas e progresistas, como eran Ourense, Santiago e Pontevedra.
7.6. Actuación de D.G. na campaña do plebiscito do Estatuto
Dende o venres 8 de maio a Dereita Galeguista
de Ourense, que é quen leva as rendas do partido a nivel de toda
Galicia, ocúpase da preparación da campaña do plebiscito do Estatuto (55). O traveso das páxinas do «Heraldo de Galicia»
(56) solicitan que o Axuntamento e maila Deputación saian do seu mutismo e
se adhiran ó Estatuto apoiándoo material e moralmente. «D.G.»
consideraba que a autonomía era unha cuestión
central e neutral, exclusivamente de comenencia galega e que como tal
debía estar por riba do tódolos partidismos. O momento exixía unha
verdadeira «tregua sagrada», debéndose sentir todos galegos
antes que nada (57).
A primeros de xuño constituíuse en Ourense o Comité da Autonomía,
integrado por representacións do Frente Popular. A «Dereita
Galeguista»
propugnaba a incorporación ó Comité de Propaganda
doutras organizacións políticas de significación autonomista en
consonancia coa sua teoría da «tregua sagrada»
á que
aludimos, pero non conqueríu que prosperase a sua postura pola
oposición dun sector marxista. Isto mesmo aconteceu tamén noutras
provincias, pero a diferencia delas, cando menos en Ourense permitíuse
a incorporación de Fernández Borrajo ó Comité de Propaganda, en calidade de secretario. Porén, especificábase que estaba
alí a
título personal, con independencia da súa afíliación, ainda que para
ninguén era un segredo que Borrajo actuaría de feito como representante
da D.G. O caso era garda-las formas (58).
Temos así que o sectarismo da esquerda
frente-populista impide que polo menos un sector da opinión
conservadora, colabore unitariamente na campaña plebiscitaria. Con elo a
proposta de colaboración en cuestións de significación galeguista,
que a D.G. propuxera ó P.G. no seu manifesto fundacional, e que fora
ben acollida polo P.G., faise inviable, inducindo, xa que logo, a
ambalas duas organizacións a levar a cabo unha actividade de
propaganda paralela, coincidente na práctica, pero inconexa. Poucos días despois
tivo lugar unha xuntanza en Santiago dos representantes dos
diversos grupos nacionalistas e galeguistas de dereita, na que Risco
actuou de Secretario. Deuse conta da intervención dos representantes do
partido nas reunións que se tiñan celebrado para constitui-los comités
provinciais de propaganda estatutaria, acordápdose mante-la
intelixencia cos partidos republicanos de dereita e centro, cos cales tiñan maior afinidade, e
recaba-lo apoio dos partidos que non perteñecían ó Frente Popular, para levar a cabo conxuntamente unha
campaña «en sentido estrictamente autonomista»
(59), que
asegurase o éxito do Estatuto. A «Federación de Forzas
Nacionalistas e Galeguistas de Dereita»
realiza unha campaña de
considerable intensidade. O seu Consello Executivo fai un chamamento
dende a prensa (60) pedindo o SI para o Estatuto. No «Heraldo de
Galicia»
insertan un traballo explicando as características e
ventaxas do texto autonómico (61); en varias cidades os oradores de D.G.
dan conferencias en galego, que son recollidas en amplias glosas
periodísticas e retransmitidas ademais pola radio, que presta coma xa
diremos unha importante cobertura á campaña estatutaria (62)
. Móstranse
especialmente activos Filgueira, Banet, Risco (63)
e Fernández Borrajo (64). Como é lóxico, D.G. imprime a súa propaganda estatutaria
un sesgo tradicionalista e confesional; quixera que a campaña fora «estrictamente autonomista», pero os alporizados ánimos tanto
da dereita como da esquerda, fan que ésta, que é a que leva o peso
fundamental da propaganda do Estatuto, introduza cuestións por completo
alleas á autonomía (65). D.G., pola sua banda, apela os católicos e
xentes de dereitas para que apoien o Estatuto, que, segundo ela, puido
e debeu vir polo esforzo das dereitas, se non fora pola sua pasividade.
Sucede así que: «Outros escriben por nosotros con letra roja
los postulados de nuestra doctrina»
(66). Para persuadir a estes
sectores fai pródigo uso da frases lapidarias («Votamos Ia autonomía para que
nadie a pretexto de nuestras libertadas contradiga nuestras viejas virtudes») e argumenta que non se debían abster,
por máis que as esquerdas pregoasen que non se precisaban os votos da
dereita, para gañar, así, o lexítimo dereito á opinión na futura
gobernación de Galicia; aducía, tamén, que se ben o Estatuto era
naquel intre unha porta aberta á libertade, no futuro podía ser unha
porta pechada ó comunismo (67).
Plebiscitado favorablemente o Estatuto, nin sequera a
ledicia do
resultado conqueríu apagar a xenreira que o Frente Popular, e
especialmente os partidos marxistas, sentían por D.G. Na propia
reunión onde se deu lectura ós resultados, cando se ergueu Filgueira
Valverde para falar, ás xuventudes marxistas, que estaban alí coas suas
bandeiras e uniformadas, o interrumpiron impedíndolle que fixera uso da
palabra (68). Non cabe dúbida que nesta actitude intransixente pesaba
notoriamente a postura de catolicismo militante da D.G. A título de
exemplo mencionemos que fora Filgueira quen pedira autorización para
que poidesen sai-Ias procesións tradicionais en Pontevedra (69)
o que lle
fixera obxeto dalgunhas ironías, en tanto que a «Irmandade de
Dereita Galeguista», como se denominaba D.G. en
Santiago (70), facía
das misas actos de afirmación nacionalista, e para celebrar o triunfo
plebiscitario costeara dous turnos de comidas para os nenos dos «Comedores de Ia Caridad», e organizara unha
misa en honor dos
galegos ilustres (71).
Con ser "Dereita Galeguista" unha forza pequena, os sectores
máis recalcitrantes das dereitas, virou nela un perigoso viras que
podia infeccionar o campo conservador. Por elo, mereceu, antes e despois
do levantamento militar, duras invectivas (72).
8. Epítome
Nos antevísporas de réxime republicano a
meirande parte dos grupúsculos e persoeiros galeguistas seguian
aferrados ó accidentalismo consagrado polas «Irmandades da
Fala» dende o seu nacemento. Soamente cando a República estaba a
piques de ser instaurada prodúcese a súa decantación a prol de novo
réxime, valorando nel a posibilidade de que adoptara unha estructura
federal. A corrente nacionalista así perfilada tiña clara conciencia da
sua distinta naturaleza, disociada das restantes ideoloxías en liza no
trance de caída da Monarquía. Deste xeito, os distintos agrupamentos
galeguistas negábanse a encadrarense nas grandes formacións políticas
que se dispuñan a protagoniza-la nova etapa. Elo non obstaba para que
formalizasen conxunturais coalicións cos republicanos e agrarios nas
eleccións municipais do 12 de abril de 1931. Así foi como, a pesares
das suas vacilacións e mornedade na asunción do credo republicano,
obtiveran un pequeno número de concellais, sem que tampouco lles
importara en demasía dado que até ben entrado o segundo bienio o
galeguismo non prestará unha atención destacada á ocupación dos
resortes municipais.
Compre tamén facer mención a un sector do
galeguismo, ubicado preponderantemente na Coruña, que dende 1929
abandona a doctrina accidentalista, para comprometerse con firmedume na
loita a prol da instauración da República. Foi así como A. Villar
Ponte, Lugrís Freire, Anxel Casal, Víctor Casas, etc. crearon a
O.R.G.A., sen abandonar por elo as I. da F. Este sector do nacionalismo
asóciase cos elementos republicanos, que lideraba Casares Quiroga, a
asunción do cal polo menos teórica do sistema federal, permítelles
abriga-Ia esperanza de que labourando pola República conquerirían de
paso un goberno federal para Galicia, do cal a primeira era requisito
imprescindible, e como tal, prioritario. Son ademais estes galeguistas
os que exhortan ós seus «irmans» para que se decantasen do
mesmo xeito.
A corrente de Anton Vilar Ponte encarna, en
derradeira instancia, a tentativa de dotar de operatividade ó movemento
galeguista deica enton esfarelado e con pouca incidencia social
incrustándose na entrana dun partido forte de distinta significación
á nacionalista, para influir dentro dal con miras a galeguizar a sua
actuación. Esta opción perde adeptos cando se funda en nadal de 1931 o
Partido Galeguista, gañados pola contraposta e preponderante opinión
de que os galeguistas precisaban actuar dende un receptáculo
organizativo e político propio. O feito de que o cambio de réxime xa
non constituira un problema, e a inconsecuente práctica autonomista da
O.R.G.A., fixeron o resto, despexando as últimas dúbidas de moitos
seguidores de Antón Vilar Ponte. O fracaso terminante e definitivo
desta opción non demorou moito en chegar. En afecto, en 1934 cando o
P.R.G. decide fusionarse con «Izquierda Republicana», Vilar
Ponte ingresa no P.G., por non estar dispoto a militar nun partido de
obedencia non galega, e farto das inconsecuencias de índole
autonómica fundamentalmente do partido de Casares. Todo elo non obstou
para que durante os primerios meses de vida do sistema republicano os
galeguistas da O.R.G.A. tivesen maior eficacia política que os ciscados
nacionalistas puros. Así, namentras estes últimos se entregaban a unha
campaña de mitins de sensibilización autonómica, o sector de Vilar
Ponte conquire que a O.R.G.A. convocase unha asamblea pro-estatuto, que
tivo lugar na Coruña o 4 de Xuño de 1931, da que saíu o primeiro
proxecto de Estatuto, de alento federalista, que fracasou precisamente
porque a Constitución non o foi, amén da precaria apoiatura social que
o sustentou. Agora ben, tampouco a liña pura do nacionalismo que
encarnou o P.G. puido actuar aillada das demais forzas de distinto
signo, tal como eran nun principio os seus propósitos, tendo que
formalizar, ó cabo, unha alianza estable con elas, sendo este o único
xeito que atopou de conqueri-lo seu obxectivo mínimo ó cal houbo de
adicar un esforzo máximo cal foi a plebiscitación favorable do
Estatuto Galego. Ademais, como queira que o sistema electoral
republicano favorecese as coalicións entre os partidos, os galeguistas
seguidores de Bóveda e Castelao non poideron sustraerse a esa lei
tendencial e velaí que houberon de aliarse con certas forzas
republicanas nas tres eleccións xerais que se celebraron nos anos de
vixencia do réxime republicano. Polo menos parcialmente. Así, nas de
xuño de 1931, das duas provincias nas que presentaban candidatura,
Pontevedra e Ourense, entraron en coalición nunha, a mencionada en
segundo lugar. Na consulta de novembro de 1933, compareceron en concerto
tos republicanos nos distritos de Coruña e Pontevedra. O cabo, nas
eleccións de febreriro de 1936, formalizaron a alianza co Frente
Popular nas catro provincias, ainda que logo, por certos avatares,
resultou inoperante na lucense.
Na República cristalizou unha corrente
galeguista relativamente unida, a pesare da pugna devandita (e doutras
divisións que se suscitaron ás que pararemos axiña a facer
referencia), resolta en favor do P.G. Pero salientemos denantes que é
neste período cando o nacionalismo galego escomenzou a ser un movemento
de masas, que contaba en 1936 con deputados. (algún deles, como
Castelao, o máis votado na sua provincia), concellais, asociacións
agrarias e un degrao de implantación social nada desdeñable e que,
ademais, ía in crescendo a un ritmo prometedor. De feito, estamos
persuadidos de que de prolongarse a existencia da Segunda República algúns anos máis, podería chegar a ter unha base de masas como a que, a
titulo de referencia, secundaba os proxectos nacionalistas de Cataluña
e Pais Vasco. Esta implantación social do nacionalismo galego,
conquerida por primeira vegada na sua historia, veu dada en gran parte
pola existencia dun réxime de libertades que incitaba ás correntes
ideolóxicas, plasmadas nos distintos partidos, a percura-lo apoio
popular superándose así o tradicional sistema de partidos-cúpulas
dirixentes dado que o pobo era en definitiva o protagonista do sistema,
dun xeito que xa non era só, como antes, xurídico-formal. Para chegar
a isto o galeguismo tivo que vencer fortísimas resistencias internas
que teimaban en manter ó nacionalismo como un dominio exclusivo dunha
minoría ilustrada e consciente de «bos e xenerosos». A
inercia elitista frenou o espallamento do P.G. ó longo do primeiro
bienio, e soamente cando aconteceu o abrouxador revés electoral de
novembro de 1933, a meirande parte dos seus membros abriron os ollos e
non dubidaron en dirixilos a amplia base do país, á que escomenzaron a
tentar de encadrar nas organizacións do partido, e non soamente
concienciar, para que se adherisen espontáneamente á senlleira
minoría de patriotas, como denantes pretenderan.
Pero diciamos anteriormente que as divisións existiron, a pesares de
que non tiveron envergadura dabondo como para impedir que houbese un
núcleo que sobranceara con moito por sobor dos demais o P.G. que
deste xeito puido obter resultados políticos notables. O movemento
galeguista, de feito, repártese nunha serie de organizacións febles e
fugaces: «Dereita Galeguista», «Unión Socialista
Gallega» e «Vangarda Nazonalista Galega», e duas máis
sólidas e estables: o «Partido Galeguista» e máis a «Federación de Mocedades Galeguistas». Obviamente estas
organizacións actúan entremisturándose coas formacións políticas de
ámbito estatal (e tamén coa O.R.G.A., denantes de que se integrara en
I.R.). Temos, pois, que xurde en Galicia unha estructura específica de
partidos, vertebrado en base á suma das organizacións de ámbito
estatal coas de obedencia galega. Os partidos galegos O.R.G.A., P.G.
F.M.G., D.G., U.S.G. e V.N.G. constituen un subconxunto minoritario e
subordinado ó que conforman as forzas de ámbito estatal, ofrecendo uns
riscos de inestabilidade e febleza. Con todo, existe pola banda dos
galeguistas a vontade de rematar coa situación de dobletes é decir de
partidos galegos e estatais de parecida orientación, que ocupaban polo
tanto o mesmo espado político, sustituindo o espectro de forzas
estatais por outro autóctono. O P.G., concretamente, coidaba que a
entrada en vigor do Estatuto de autonomía favorecería este proceso. A
maior parte da sua ala conservadora opinaba, pola contra, que o
galeguismo podíase lanzar a este empeño na situación preautonómica,
e elo foi unha das causas de que se producira a escisión de «Dereita Galeguista», que o P.G. criticou fundamentalmente por
prematura e inoportuna.
Dendo o 14 de abril apareceron nidiamente
dibuxadas no movemento galeguista duas tendencias: unha progresista e de
esquerdas con acento básico en Santiago e Coruña (galeguistas da
O.R.G.A., Esquerda Galeguista, etc.) e outra marcadamente conservadora,
ubicada de modo preferente en Ourense (P.N.R. de O.). Nas agrupacións
de Vigo (G.A.G.) e Pontevedra (P.G. de P.) convivían xentes de ambas
tendencias. Agora ben, estas discrepancias non foron atranco para que se
levara a cabo con éxito un proceso de confluencia, pulado esencialmente
polo grupo pontevedrés de Bóveda, co que rematou a situación
policéntrica e mesmo taifística. Dempois de todo as diferencias non
eran tan abismais, coincidindo en xeral no nacionalismo, na democracia,
nun talante reformista (nun degrau maior ou menor) e no republicanismo
recén adoptado. No P.G. continuaron a se manifesta-Ias correntes
esquerdista e conservadora, convivindo en base ó integracionismo do
partido, até que a decantación cara a esquerda resulta inaturable para
a maior parte da ala de dereitas.
Pasemos xa a ver os riscos que caracterizaban
á formación política nacionalista primordial: O P. G.
Este partido tiña unha estructura organizativa
nun principio ténue pero que progresivamente foise facendo máis
sólida e mellor disciplinada. Costoulle traballo que un importante
número dos seus adherentes se fixesen a idea de estaren nun partido con
todo o que elo comportaba. Como é ata certo punto lóxico nun partido
de índole nacionalistas, preferíu organizarse sobor dunha base
territorial (Grupos Locais) antes que por sectores profesionais ou
frentes de intervención. A organización plegábase ó feitío do que
consideraba a Galicia real, seguindo un escalonamento de menor a maior:
parroquia, vila, cidade, bisbarra. Pero a pesares de fuxir das
circunscripcións municipal e provincial, en febreiro de 1936 considerou
necesario establecer moi ó seu pesar comites provinciais, por
respostaren mellor ás esixencias que conlevaba a organización
electoral, xa que se circunscribía a este ámeto.
Internamente funcionaba dun xeito eminentemente
democrático, decidindo as bases tódalas cuestións importantes, fundamentalmente ó traveso da asamblea de delegados, órgano soberano
por excelencia, de periodicidade anual, poidendo convocarse tamén
extraordinariamente. dela emanaban as instancias directivas: O Consello
Executivo, máis amplio, elexido en base ó criterio funcional combinado
co territorial e a Segredaría Executiva, máis reducida e operativa.
Dótase, pois, de órganos de dirección colexiada, querendo evita-Ia
rección unipersonalista. Sinalemos, ó cabo, que a estructura
organizativa discriminaba os militantes segundo o sexo, e que o modelo
que en xeral tencionaban emular era o dos partidos catalanistas de
esquerda.
Definamos a envergadura do P.G.: Na primeira
fase, que abrangue ata novembro de 1933, consta de 23 Grupos, 3
Delegacións e 35 «nucleos» (que non puidemos averiguar se eran unha cousa ou outra). Estimamos que o número de militantes estaba
arredor dos tres mil. Na segunda fase créanse 89 novos Grupos e 26
Delegacións, cifrándose o umbral mínimo de novos adherentes nuns
2.180. Consideramos, pois, que a tasa de afiliación superaba os 5.000
militantes.
Velaí as notas que caracterizaban ao P.G. En
primeiro lugar o nacionalismo, claro e expreso, por máis que por
motivos de fonética política se definise eufemísticamente como «galeguista». Presentaba ademais un risco que damos en chamar
integracionista (a verba «interclasista» quédasenos curta) na
medida en que percuraba a integradas no partido de xentes de
heteroxénea condición e vario pensar, por entender que a sua común
pertenencia a unha mesma nación debería antepoñerse a calquera
discrepancia. Este integracionismo aplicábao no eido político: sostiña
que o galeguismo estaba por riba das categorias dereitas/esquerdas, ás
que na primeira etapa negaba que tiveran pertinencia en Galicia; no
terreo relixioso: opta pola neutralidade para que confesionalistas e
laicistas poideran convivir xuntos no seu seo; no eido social: as
diferencias de clase debían postergarse dado que todas tiñan un común
interés patriótico; no da cultura: os partidarios dun labor
exlusivamente cultural, debían colaborar cos que cifraban as súas arelas de redención nacional na actuación propiamente política, por
canto que o P. G. desplegaba a súa actuación en tódolos ordes. Para
evitar que as devanditas divisións comprometeran o integracionismo do
partido, provocando algunha escisión, apelaba ó sentimento de
irmandade, o senso da tolerancia e a idea de que a «Terra»
debía estar por riba de calisquera diverxencia.
Digamos, tamén, que resulta perceptible no P.G. un certo tinte populista. Era, ademais, un partido
democrático,
elitista na primeira etapa da sua andadura e de masas na segunda. Xa
insinuaramos que se trataba dunha organización especial; nefeuto,
ollamos como se derrama en gran variedade de eidos: o propiamente
político, o cultural, artístico, linguistico, preocupándose da
mellora económica de Galicia, da defensa dos seus intereses xerais, do
cooperativismo, de establecer proxectos lexislativos, de desempeñar unha
función ideolóxica (galeguizando ós demais partidos e por suposto a
tódala sociedade)... Todo isto ven dado polo papel que asume de axente
vertebrador dun país situado nun estadio de difusa e neboenta
formación. Tiña de «facer país» denantes de aspirar a
toma-lo poder, ou por mellor dicir, influir sobor do poder central para
que aceptase despoxarse de determinadas competencias que transferiría ó
galego, que, xa logo, trataríase de tomar.
Na composición social do P.G. abundan moito os
titulados universitarios e medios. A esta clase media intelectual, na
que predominan os profesores, hei que engadi-los núcleos de pequenos
comerciantes e industriais dos sectores madereiro e chocolateiro
singularmente e certos elementos dispersos da burguesía galega.
Rexistramos tamén a presencia dun importante número de labregos (non
así de mariñeiros e de relixiosos, que escasean) e o apoio do Banco
Pastor, polo menos até 1935 no que se confirma o xiro esquerdista.
Outra cousa eran os sectores sociais ós que
cobizaba atraguer. Situara en primeiro lugar ós labregos, en tanto que
clase preponderante e depositaria ademais das sinais de indentidade
autóctones. Interesábanlle tamén: a mocedade, os fabricantes de
conservas, os intelectuais e mailos cregos. En menor medida os mariñeiros (menos numerosos e en
gran medida enfeudados a ideoloxías
internacionalistas), e moi escasamente os obreiros.
Adentrándonos na cuestión da ideoloxía
do P.G. observamos certas novedades con respecto ó manifesto de 1918
das I.da F., dentro dunha clara liña de continuidade. Introduce o
concepto de autodeterminación, a angueira universalista, o
anti-imperialismo, a cuestión do cooperativismo e o irredentismo. O
programa agrario resulta máis progresista, a emigración cobra maior
importancia, e o mundo obreiro recibe por primeira vegada algunha
atención. Programáticamente continúa en certo modo o accidentalismo
das I. da F. dado que non opta expresamente polo republicanismo. Agora
ben, abundan noustante as declaracións de fé republicana, ainda que se
trata dun republicanismo básicamente instrumental, en tanto que
posibilitador de autogoberno galego. Constatamos, asímesmo, unha tendencia máis acentuada a afortala-lo sector público da
economía e
un interés deica agora inexistente pola industria pesqueira e
conseveira.
Conciben a Galicia como nación ainda que continúan coa tradicional ambigüedade terminolóxica, empregando os
termos rexión e nación indistintamente. De tódolos xeitos eles
autoconsidéranse nacionalistas, diferenciándose perfectamente dos
rexionalistas, autonomistas e federalistas.
Na teoría sobor da nación, Risco segue a
exercer un influxo notable, manténdose como o teórico do nacionalismo
galego por antonomasia. A teoría risquiana da nación partía no esencial
de supostos organicistas pero incorporando eclecticamente certos riscos
da concepción liberal. Polo que fai ó P.G. adhírese á teoría da
vontade, tal como se pode ollar na definición que adopta encol da
nación e na posición que mantén sobor da cuestión dos territorios
homolíngues sitos fora dos lindes administrativos de Galicia. De
tódolos xeitos, no estricto plano teórico non rexeita o organismo.
Na definición que adopta o P.G. sobor da nación xogan
un papel
primordial: a língua, a arte e maila cultura. Prodúcese a
identificación racial do ser galego co celta. Neste celtismo hai moito
de afán enaltecedor do pobo galego por virtude da filiación cun pobo
considerado prestixioso, erixindo un mito compensatorio da peiorativa
visión que sobor dos galegos tiñan os de fora, e da minusvaloración
que os propios galegos tiñan de sí mesmos. Aproveitemos para clarexar
que, a diferencia do P.N.V., o Partido Galeguista non é racista. É
así que para filiarse a él abonda cora ter veciñanza en Galicia.
Polo demais, o P. G. acepta a visión teleolóxica, entendendo que a
nación galega tiña de cumpli-la misión histórica de contribuir á
civilización universal coa sua idiosincrasia. O fomento do xenuino e
tradicional aparecía, así, como imprescindible, pero a carón delo
situábase a necesidade da renovación, que tamén asume o P.G.
O P.G. ollaba unha Galicia tripartita, composta
pola minoría dos «bos e xenerosos», a maca do pobo, a
conciencia nacional do cal compría espertar, e a minoría de «señoritos desleigados», alentados sobor de todo nas cidades
(había
no P.G. uri prurito anti-urbanista, que non lle impedía tencionar gaña-las cidades para a causa do galeguismo) e identificados cos
caciques, actuando como cabalo da Troia do centralismo.
Rematemos de dar os riscos que perfilan a
ideoloxía do P.G. Sobrancean o senso ético da pureza democrática, o
anticaciquismo, a pretensión pacifista, a angueira europeista
(«europeizar Galicia, galeguizar Europa») e mesmo tamén
universalista («Galicia, célula de universalidade»), o
prurito celtista e a decantación lusista. Tiñan asimesmo gran
importancia o desexo de alianza con Euskadi e Cataluña
(«Galeuzca»), a reivindicación da «Galicia
irredenta», e o postulado do federalismo internacional, erixido en base ós estados étnicos, e no que
carecía de relevo o pacto
sinalagmático, tan caro á tradición federalista primargaliana.
Internamente perfilábanse no P.G. varias
correntes: a conservadora, na que figuraban persoeiros da talla de
Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Filgueira Valverde, etc. A
corrente de esquerdas, claramente maioritaria, na que podemos desagregar
un sector de esquerda radical, con figuras tan prominentes como Antón
Vilar Ponte, Anxel Casal, Suárez Picallo e Lugrís Freire. Duas
pequenas tendencias, marxista a unha e arredista a outra, completaban o
cadro.
Na actividade política do P.G. cabe rexistrar unha primeira fase, na
que repúdia o pluripartidismo e pretende actuar ailladamente como
vangarda única empeñada en suscita-Ia adhesión do pobo, pero na
práctica vese obrigado a coordinarse coas formacións republicanas para
afrontar a cuestión autonómica e maila defensa dos intereses de
Galicia. No vrán de 1933 prodúcese un deterioro grave das relacións
cos partidos republicanos, básicamente pola sua mornedade no tema
autonómico, e un potenciamento paralelo, e en certo modo
complementario, da alianza cos partidos dos outros dous nacionalismos
periféricos (Pacto de Galeuzca). Pero obrigado a percura-lo apoio dos
restantes partidos de Galicia para acada-lo éxito no plebiscito do
Estatuto, vira novamente cara eles, forxando unha alianza na Coruña e
Pontevedra co gallo das eleccións de novembro de 1933. Tras do revés
electoral, ábrese paso unha nova fase, na que o P.G. acepta o
pluripartidismo endereitase cara a sua conversión nun partido de masas,
e asume unha alianza estable coas forzas de esquerdas, integrándose no
Frente Popular. A decantacián cara a esquerda tivo o coste político da
escisión de D.G., pero a cambio fixo posible o triunfo plebiscitario do
Estatuto, no que, bén é verdade, as irregularidades foron moi
notorias.
O Partido Galeguista promoveu unha
organización filial para o encadramento dos mozos en idades
comprendidas entre 15 e 23 anos. A Federación de Mocedades Galeguistas
constitúese formalmente en xaneiro de 1934, con perto de 1.000
afiliados. Nun principio a tutela dos galeguistas adultos era moi
acusada, pero cando o P.G. decide na sua III Asamblea aliarse coas
forzas de esquerda, as Mocedades discrepan e escomenzan a autonomizarse
do seu patrocinio
Predominaban na F.M.G., os estudiantes,
seguidos de oficinistas e clases medias en xeral. A sua ideoloxía era
en todo coincidente coa do P.G., con algún matiz diferencial e, sobor
de todo, cun distinto talante de maior exaltación. Estaba impregnada
esta organización xuvenil dun radicalismo e agresividade que, con todo,
eran mais verbalísticos que fácticos. Cabe rexistra-la importancia que
tiña no seu seo a corrente arredista da cal eran eminentes persoeiros
Xosé Velo, C.E. Ferreiro e Xosé B. Pazos.
«Vangarda Nazonalista Galega» foi un fugaz
grupiño político creado pola personalidade emprendedora pero versátil
de Alvaro das Casas, que con anterioridade fundara os grupos xuvenís «Ultreya». Das Casas, unha vegada que houbo abandonado a sua
fidelidade á Monarquía, convertiuse o credo republicano e autonomista.
Autonomista foi durante case todo o primeiro bienio republicano, antes e
despois de escindirse do P.G. Somentes cando a autonomía parecia
inviabilizada, na etapa do segundo bienio, Alvaro das Casas radicaliza
os seus plantexamentos e pasa a adherirse ó credo arredista, que predica
dende o periódico «Mais». Cando, a fins de 1935,
o Estatuto Galego escomenza a ter novamente unhas expectativas
favorables, Das Casas recobra a esperanza na autonomía.
«Unión Socialista Gallega» veu a
ser unha tentativa de crear un socialismo galego. Xoan Xesús González,
militante socialista da Agrupación de Santiago, provocou unha escisión
en agosto de 1932, para crear a U.S.G. A sua ideoloxía, expresada nunha serie de manifestos e no periódico
«Amañecer»,
achegábase mais ó galeguismo que ó socialismo, non pasando dun morno
reformismo similar o das posicións republicanas esquerdistas. A sua
práctica confirmou isto, abogando máis pola autonomía que por
calisquera outra revindicación social ou política.
Dempois das eleccións de 1933, U.S.G.
desaparece integrándose en «Izquierda Republicana»), por
considerar que a cuestión do réxime primaba por sobor da
reivindicación autonomista. Volta novamente a dar sinais de vida, nun
definitivo escintileo, tras das eleccións de febreiro de 1936, xuzgando
que a cuestión do Estatuto pasaba a primeiro plano.
A U.S.G., ubicada predominantemente na comarca
Santiaguesa, e composta por empregados, «traballadores de
oficio» e profesionais, esencialmente abogados e profesores,
fracasou na sua teima de se converter nun partido socialista galego que
chegara a desplazar ó seu homologo español. O feito de que non
conquerise atraer ó núcleo de socialistas ferrolans de acusada
orientación galeguista, liderado por Xaime Quintanilla, non foi alleo a
este resultado.
«Dereita Galeguista» naceu en Pontevedra
por obra da escisión de Filgueira Valverde, García Vidal e Alvarez
Limeses, entre outros, en maio de 1935. Este movemento escisionista foi
logo continuado en Ourense e Santiago, coordinándose os distintos
núcleos nunha «Federación de Forzas Nacionalistas e Galeguistas de
Dereita». Por medio da sua ideoloxía conservadora pensaban poder
atraer ás dereitas galegas cara o galeguismo.
A composición social de D.G. resulta ser dun nivel
máis alto que a do P.G. Sinalemos, ó cabo, o importante papel
desempeñado por D.G. na campaña do plebiscito do Estatuto.
Para concluir convén que nos refiramos ó
común denominador sociolóxico que ofrecen os diferentes agrupamentos
nacionalistas que se dibuxan na escea política de Galicia no quinquenio
republicano. Observamos que nin a burguesía nin a clase obreira tiñan
interés en sustenta-lo nacionalismo galego, sendo así que foi
fundamental a clase media, cun forte compoñente intelectual, quen
nutriu ós partidos desta significación, á cal compre engadir un
fleque de pequenos comerciais e estudantes, sen esquecernos do
campesinado.
NOTAS:
|